Xosé María Álvarez Blázquez

Na Galipedia, a wikipedia en galego.

Xosé María Álvarez Blázquez (Tui, 5 de febreiro de 1915Vigo, 2 de marzo de 1985) foi un escritor (poesía, narrativa e ensaio), arqueólogo, investigador e editor galeguista. É un dos representantes da poesía neotrobadoresca. Dedicóuselle o Día das Letras Galegas no 2008.

Índice

Biografía

Xosé María Álvarez Blázquez pertence a unha saga de escritores que ten os seus antecedentes no seu avó Emilio Álvarez Giménez, seguiu co seu tío Xerardo Álvarez Limeses e compartiu co seu irmán Emilio Álvarez Blázquez. O encarceramento e posterior fusilamento do seu pai, o médico Darío Álvarez Limeses, o 30 de outubro de 1936 por parte das forzas golpistas contra a II República, marcárano de por vida (como ao resto dos seus irmáns, Darío, Celso, Alfonso, Emilio e Álvaro), sendo sancionado en 1937 polo goberno de Franco coa suspensión de emprego e soldo como mestre da escola de Coia (onde nunca chegou a exercer) e co traslado á de Coreses, en Zamora.

É unha das figuras máis laboriosas da cultura galega, cunha grande actividade que chega dende a literatura (novela, poesía, teatro) ata a investigación como arqueólogo e a súa tarefa como editor e galeguista, militando na Federación de Mocedades Galeguistas e no Partido Galeguista.

É un dos representantes da poesía neotrobadoresca, vangarda poética xurdida ao redor de 1930 debida á difusión en Galiza da lírica medieval galego-portuguesa.

Placa de homenaxe na vivenda onde residiu Xosé María Álvarez Blázquez, na Gran Vía viguesa.
Placa de homenaxe na vivenda onde residiu Xosé María Álvarez Blázquez, na Gran Vía viguesa.

En 1950 fundou con Luís Viñas Cortegoso a Editorial Monterrey. En 1962 ingresou na Real Academia Galega. En 1964 fundou, xunto aos seus irmáns Álvaro e Emilo Edicións Castrelos, da que foi director xerente, e na que destacan a súa colección O Moucho, de libros do pobo pra o pobo, uns libriños de baixo prezo e gran difusión que marcaron época nos anos 60 e 70 do pasado século que contaron con unha grande aceptación por parte dos lectores, como destaca as reedicións d'O catecismo do labrego (de Lamas Carvajal). Neste mesmo ano de 1964 recibiu o premio Club de Ribadavia. En 1967 é premio Noriega Varela. En 1968 é premio das Letras da Deputación Provincial da Coruña. En 1971 é premio Cidade de Vigo. Foi cronista oficial da cidade de Vigo.

Canto á súa actividade no estudo da arqueoloxía, foi membro do Padroado do Museo Municipal de Vigo. Participou no descubrimento de laudas sepulcrais da época romana en Vigo e das industrias paleolíticas do Baixo Miño e das Gándaras de Budiño. Así mesmo, tamén foi copartícipe das seguintes descubertas: unha fábrica romana para a elaboración de aceite de oliva en Teis (Pontevedra), unha cisterna con enxoval funerario da época do bronce en Atios (Pontevedra), etc.

Na investigación literaria descubriu a égloga Belmiro e Benigno de Pastor Díaz, e realizou contribucións á época chamada da Decadencia (Escolma de Poesía Galega t. II), con investigacións que alcanzan ao teatro, as panxoliñas, a poesía lírica, a prosa político-social, a poesía panfletaria, o romanceiro, etc., da citada época.

Xosé María Álvarez Blázquez colaborou en diversos medios (BBC de Londres, Radio Vigo, prensa de Galiza, Portugal e América, etc.) e pronunciou moitas conferencias en España e no mundo. Algúns dos seus poemas teñen sido musicados polos mestres Freitas Branco, Rodolfo Halffter, Groba Groba e Ignacio Iglesias. Mostras da súa obra poética figuran en antoloxías de Enrique de Arcoaga, Varela Jácome, Fernández del Riego, González Alegre, etc. A súa novela En el pueblo hay caras nuevas foi traducida ao francés (Nogent-sur-Marne, 1969).

Os seus fillos Xosé María, Alfonso e Celso Álvarez Cáccamo, escritores os tres, advirten que a figura do seu pai ten máis relevancia na historia cultural recente de Galiza que o lugar que ocupa na historiografía. Os tres coinciden en sinalar que «a súa actitude modesta marcou o seu desinterese por figurar».

Obras

Narrativa

  • Os ruíns, 1936 (relatos)
  • El crimen de la isla verde, 1941
  • En el pueblo hay caras nuevas, 1945 (novela en castelán, finalista do Premio Nadal)
  • Una cabaña en el cielo, 1952
  • Las estatuas no hablan, 1955
  • Crecen las aguas, 1956
  • A pega rabilonga e outras historias de tesouros, 1971 (narrativa infantil)

Poesía

Ensaio

  • El libro del por qué?, 1945
  • Arquitectura rural gallega. Un plano de Fray Manuel Caeiro, 1948
  • Industria paleolítica de la comarca de Tuy, 1949
  • Vigo, 1950
  • Romerías gallegas, 1951
  • O vencello espiritual dos Fisterres Atlánticos, 1951
  • Industrias paleolíticas do Baixo Miño, 1952
  • Escolma de poesía medieval, 1975
  • Os nomes da terra, 1976 (baixo o pseudónimo de Celso de Baión)
  • Escolma de poesía galega II: A poesía dos séculos XIV a XIX, 1959

Teatro

  • El zapato de cristal, 1947
  • Los pazos altivos, 1947

Premios

  • Finalista do premio Nadal en 1945, coa novela En el pueblo hay caras nuevas.
  • Premio Historia dos Xogos Florais de Vigo (1950).
  • Primeiro premio de poesía no Concurso dentro de Fillos de Vigo (1954).
  • Premio Pondal de poesía do CEBA (1954).
  • Premio Peréz Galdós de novela (1955).
  • Premio Biografía da Asociación da Prensa de Vigo (1958).
  • Premio Ramón Mourente (1960).
  • Premio Valle Inclán nos Xogos Florais Minho-Galaicos (1960).
  • Premio de novela López Cuevillas no I Certame Literario do Miño celebrado en Lugo (1960).
  • Premio especial Blas Agra sobre a historia do periodismo vigués (1960).
  • Premio Álvares García de biografía (1961).
  • Premio Josefina de Lema (1961).
  • Premio Enrique Lorenzo Docampo (1962).

Véxase tamén

Bibliografía

Ligazóns externas

Ferramentas persoais
Outras linguas