Vigo

Na Galipedia, a wikipedia en galego.

Para outras páxinas con títulos homónimos véxase: Vigo (homónimos).
Vigo
Situación
Xentilicio 1: Vigués/esa ou Olívico/a
Xeografía
Provincia: Provincia de Pontevedra
Comarca: Vigo
Área: 109,1 km²
Entidades de poboación: 22 parroquias
Capital do concello: Vigo
Latitude e lonxitude: 42°13'23.08"N / 8°43'52.60"O
Altitude máxima: - m.
Altitude mínima: 0 m.
Zona horaria: 2 UTC + 1
Demografía (2007)
Poboación: 294.772 hab.
Densidade: 2.701,85 hab./km²
Uso do galego 3 (2001)
Galegofalantes sobre o total da poboación: 22,48 %
Falantes do galego no tramo 5 a 29 anos
Sempre: 10,21 %
Ás veces: 64,76 %
Nunca: 25,02 %
Política (2007)
Concelleiros 4: PPdeG 13 concelleiros (66.574 votos - 44,04 %)
BNG 5 concelleiros (28.116 votos - 18,60 %)
PSdeG-PSOE 9 concelleiros (44.563 votos - 29,48 %)
Outros: - (8.758 votos - 5,79 %)
Alcalde: Abel Ramón Caballero Álvarez (PSdeG-PSOE)
Eleccións municipais en: Vigo

Eleccións municipais en Vigo

Censo electoral (2007)
Total electores: 255.943 - 100 %
Votantes: 152.497 - 60,65 %
Abstencións: 98.960 - 39,35 %
Votos en branco: 3.150 - 2,07 %
Votos nulos: 1.336 - 0,88 %
Orzamentos (2000)
Total ingresos: 175.246.361 €
Enderezos
Enderezo físico: Praza do Rei, nº1
Teléfono: 986 810 100
Fax: 986 810 217
Código postal: 36202
Correo electrónico: vigo@vigo.org
http://www.vigo.org/

Notas:
1 Véxase no Galizionario.
2 No verán: UTC + 2.
3 Datos de 2001 publicados en 2004.
4 Eleccións municipais maio 2007.

Vigo (tamén coñecida como A Cidade Olívica[1]) é a cidade máis poboada de Galiza, e a cidade sen rango de capital con máis poboación de España. A cidade atópase na beira sur da ría de Vigo na provincia de Pontevedra e a súa poboación é de 294.772 persoas segundo o Padrón municipal do 2007[2].

Vigo limita ao norte co Océano Atlántico, ó nordés co concello de Redondela, ao leste co de Mos, ao sur cos concellos de O Porriño e Gondomar, e ao sueste co concello de Nigrán.

Os peiraos de Vigo reciben cada ano a chegada de 2.000 buques. Grazas ás súas excelentes condicións naturais trátase dun lugar axeitado para as rutas procedentes de América con destino a Europa. É o primeiro porto europeo en volume de descarga de peixe, proba delo é a celebración en varias ocasións da World Fishing Exibition (Feira Mundial da Pesca)[3][4].

Índice

[editar] Historia

Artigo principal: Historia de Vigo.

Vigo e a súa comarca estiveron poboados desde tempos antigos, a pesar de que os restos atopados en xacementos non abraguen épocas anteriores á Idade de Pedra. A cultura castrexa desenvolta en Galicia deixou na cidade olívica importantes pegadas, que levan a pensar que a cidade tivo unha das maiores densidades de poboación de toda Galicia.

En Vigo o proceso de romanización foi moi temperán e intenso, aínda que durou preto de seiscentos anos. Recentes intervencións arqueolóxicas falan dun importante asentamento, o Vicus romano. A información de cidade con respecto á Idade Media é moi escasa. Os ataques xermanos e piratas provocaron unha emigración de gran parte da poboación cara a zonas máis seguras no interior. Coa dominación da sociedade galega por parte da Igrexa nesta época, Vigo dependeu durante moito tempo do Mosteiro de Melón. Foi xa avanzada a Idade Media que Martín Códax compuxo as súas fermosas cantigas de amigo.

Do século XV ao XVIII Vigo foi medrando paseniño, a pesar dos constantes ataques piratas. Acadou durante a Idade Moderna importancia na actividade artesanal e mailo comercio pesqueiro. Os armadores vigueses, encargados da defensa da ría, rexeitaron en 1589 o ataque dunha armada inglesa ao mando de Francis Drake. Tamén foi histórica a batalla de Rande.

A principios do século XIX Vigo foi, como moitos outros lugares de España, ocupado polo exército de Napoleón. Un levantamento popular encabezado polos militares Pablo Morillo e Bernardo González “Cachamuíña” expulsou ao exército francés. A segunda metade do século foi un período de continuo crecemento da cidade, e un considerable aumento da súa industria. A finais do século, a cidade contaba con 15.000 habitantes.

O século XX caracterizouse polo asombroso despegue económico. Instaláronse novas industrias, melloráronse as comunicacións, creáronse plans de ensanchamento da cidade, etc. No primeiro terzo de século os seu porto encheuse de milleiros de galegos que embarcaban cara as Américas. Tamén foi salientable a actividade social e cultural: xornais, asociacións políticas, sindicatos... Toda unha actividade neutralizada polo comezo da Guerra Civil Española (19361939). Entre as vítimas atopábase o alcalde Emilio Martínez Garrido, fusilado o 26 de agosto de 1936.

Nas décadas de 1960 e 1970, Vigo sufriu un crecemento urbano acelerado e ás veces desordenado, motivado polo desenvolvemento industrial. A oferta laboral atraeu numerosa inmigración das zonas rurais de Galicia. A pesar da crise do petróleo, que azoutou a cidade entre 1975 e 1985, desde finais da década de 1980, obsérvase certa recuperación económica, que afianzou a comarca como unha moderna e importante zona industrializada e de servizos, tendencia que se prolonga, aínda que con certo ritmo decrecente, ata a actualidade.

[editar] Xeografía

Artigo principal: Xeografía de Vigo.
Mapa parroquial de Vigo
Mapa parroquial de Vigo
Concello de Vigo
Concello de Vigo

Limita ao norte co Océano Atlántico, ao nordés co concello de Redondela, ao leste co de Mos, ao sur cos concellos de O Porriño e Gondomar, e ao sueste co concello de Nigrán.

A cidade presenta unha topografía variada na que se suceden áreas deprimidas e sectores elevados, zonas case chás e outras en pendente, estando o seu centro nun monte, o Castro. Isto fai que moitas das rúas dos barrios centrais sexan pendentes moi pronunciadas.

[editar] Goberno e política

Artigo principal: Eleccións municipais en Vigo.

A alcaldesa de Vigo dende decembro de 2003 até xuño de 2007 foi Corina Porro, do Partido Popular (10 edís), que gobernou en minoría pola falta de acordo da oposición. Outros partidos con representación municipal nesa lexislatura foron o Partido dos Socialistas de Galicia, PSdG-PSOE (8 edís), Bloque Nacionalista Galego (7 edís) e Partido Galeguista (2 edís).

Tralos comicios de maio de 2007, a lista de Corina Porro foi a máis votada na cidade pero sen acadar a maioría absoluta, de xeito que o pacto entre o BNG con Santiago Domínguez Olveira á cabeza e o PSOE permitiu ao socialista Abel Caballero pasar a ocupar a alcaldía.

Conforme á división comarcal prevista pola Xunta de Galicia, a Comarca de Vigo estará integrada polos seguintes concellos: Vigo, Redondela, O Porriño, Nigrán, Baiona, Gondomar, Mos, Fornelos de Montes, Pazos de Borbén, Salceda de Caselas e Soutomaior.

As competencias, órganos de goberno e financiamento da Comarca de Vigo están pendentes de desenvolvemento lexislativo por parte da Xunta de Galicia.

Elecciones municipais, 25 de maio de 2003[5]
Partido Votos % Concelleiros
PP 52.598 32,88 % 10
PSOE 44.497 27,82 % 8
BNG 39.387 24,62 % 7
PROVI 10.373 6,48 % 2
Eleccións municipais, 27 de maio de 2007[7]
Partido Votos % Concelleiros
PP 66.574 43,66 % 13
PSOE 44.563 29,22 % 9
BNG 28.116 18,44 % 5


Vigo é sede da Axencia Europea de Pesca, así como do Parque Nacional das Illas Atlánticas.

  • Sede da Xunta de Galicia en Vigo:
Edificio nº2 da Sede institucional da Xunta de Galicia en Vigo
Edificio nº2 da Sede institucional da Xunta de Galicia en Vigo

A actual sede institucional da Xunta de Galicia en Vigo, atópase na rúa Concepción Arenal nº8. A sede entrou en funcionamento o 1 de marzo do ano 2002,[8] e foi deseñada por Esteve Bonell e Josep M. Gil Guitart no ano 1995 como parte do concurso "Abrir Vigo ao Mar", proxecto que levou no ano 2005 o premio nacional de arquitectura[9].

O complexo institucional creouse para dares cabida aos distintos edificios administrativos de servizos múltiples que concentraban as oficinas administrativas da Xunta de Galicia, e que se atopaban noutrora dispersos pola cidade.

O conxunto arquitectónico plantexouse para ocupares o fondo dos xardíns de Elduayen, no peirao da cidade, establecendo ademais unha orde coas edificacións que conforman a praza da Estrela. Así mesmo, o proxecto cumpría ofrecer unha visión que axudase a ordenar e completar a fronte marítima da cidade de Vigo, dentro do proxecto de apertura á ría de Vigo[10] .

O edificio institucional que para a Xunta de Galicia construíron o estudo dos arquitectos cataláns Bonell e Gil é unha única peza formada por dous inmobles, configurados a distintas escalas, que repite un mesmo tema formal.

As dúas pezas prismáticas ofrecen cara á banda axardinada, trazada en paralelo co bordo do mar, as súas frontes de cristal afundidas en ángulo cóncavo, enmarcadas polos cerramentos laterais de pedra e as cubertas chás, que completan as caixas envolventes.[10]

As fachadas laterais péchanse cunha dobre pel constituída, na súa capa exterior, por unha celosía de pedra, intercalada cunha orde monótona de aberturas, trala disponse unha pel continua de cristal. Esta solución transfórmase, mediante a expresividade do material, nunha solución axeitada para a paisaxe e o clima de Vigo.[10] A altura do edificio e a súa disposición de ocos, fan que a súa visión dende o mar continúe e complete a masa de edificacións resindenciais, confundíndose con elas para, ao variar o ángulo de observación, descubrir as dúas fachadas encartadas que se abren e axudan a conformar un gran espazo público no que a arquitectura contemporánea sinala a vontade da cidade de abrirse ao mar.[10]

Sede da Deputación de Pontevedra en Vigo
Sede da Deputación de Pontevedra en Vigo
  • Sede da Deputación de Pontevedra en Vigo:

A sede da Deputación de Pontevedra na cidade de Vigo foi inaugurada o martes 1 de xullo de 2008. A nova oficina constitúe a primeira aberta fóra da capital provincial. Atópase no número 3 da rúa Oporto, ao carón da Sede da Alcaldía de Vigo.

A apertura dunha sede da Deputación provincial na cidade de Vigo, vén do desexo da institución de ter unha maior presenza no motor económico e cidade máis poboada da provincia de Pontevedra e de Galicia. A sede pretende prestar un servizo aos cidadáns vigueses para que non se teñan que desprazar á capital provincial, situada na cidade de Pontevedra, co fin de facerse ver nunha cidade da que historicamente estivo alonxada.

Para o seu presidente, Rafael Louzán do Partido Popular, a súa apertura responde ao seu "compromiso persoal" coa cidade, constituíndo "un feito despois 171 anos de historia". O Partido Socialista, calificouna coma un "despilfarro".[11]

A sede, conta con seis andares e máis de 1.000 metros cadrados. O inmoble posúe unha sala de exposicións, salón de recepcións, despachos de presidencia e deputados, almacén e servizos administrativos.[12]

Na nova sede traballan nove empregados encarcagos de coordinar os servizos municipais e garantir que estes sexan prestados dun xeito axeitado en todo o territorio provincial. O seu labor de asistencia céntrase naqueles concellos con menos capacidade económica.[13]


  • Sede da alcaldía de Vigo:

O 1 de febreiro de 1863 asinouse o proxecto da súa edificación asignada a Manuel Uceda, mestre de obras da Academia de San Fernando de Madrid e axudante de obras públicas na provincia de Pontevedra.[14]

O inmoble, de estilo ecléctico, atópase na esquina entre a rúa Oporto coa rúa Areal, sendo o único edificio que mantén unha aliñación distinta na rúa Areal, por cambios no proxecto inicial da edificación de dita rúa.

Dende a súa construción, o edificio tivo diversos usos, sendo empregado como sucursal do Banco de España (ata a construción da actual Casa das Artes, onde sería ubicado),[15] como sede do Goberno Militar, como reitorado da Universidade de Vigo e, actualmente, como sede da Alcaldía da cidade de Vigo.

No ano 2007, o inmoble foi habilitado para albergar a alcaldía da cidade, idea da ex-alcaldesa Corina Porro, quen desexaba acomodar a sede nun inmoble máis cómodo có primeiro andar do concello de Vigo, construído en 1972. Despois de barallar distintas opcións, decantouse polo antigo reitorado da rúa Areal.[16] Entre os traballos de adecuación do edificio, destaca a sustitución escudo do escudo franquista da fachada do inmoble polo escudo da cidade olívica.[15]

[editar] O Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM)

Seguindo o programa electoral de Abel Caballero, aprobouse a finais do ano 2007 cos votos de PSOE e BNG o Plan Xeral Urbanístico de Vigo de forma provisional, incluíndo as correccións do mesmo solicitadas pola Xunta de Galicia (ese mesmo ano) e o cambio que consistía en planificar máis dun 40% de vivenda con algún tipo de protección no conxunto das ordenacións urbanísticas.

  • Os cambios que levaron a esa porcentaxe de vivenda protexida no Plan eran, a xuízo dalgúns expertos consultados, da Federación veciñal de Vigo e da asociación Aproin (promotores inmobiliarios) unha fonte de inseguridade xurídica, porque ao non ser exposto ao público nin haber proceso de alegacións ao Plan, este tipo de cambios poderían chegar a ser anulados nos tribunais no caso de que existisen recursos xudiciais nese sentido, por consideralos cambios substanciais.
  • A pesar de discrepancias de diversa índole, o grupo de goberno formado por PSOE e BNG aprobou o documento co convencemento de que o Plan Xeral, aínda sendo modificado, estaba blindado xuridicamente. O pleno de aprobación do Plan Xeral estivo envolvido nalgunha polémica.

[editar] Poboación

Segundo os datos do censo, no ano 1910 había ao redor de 30.000 habitantes,[17] fronte aos 294.772 actuais,[18] dos cales 13.921 son estranxeiros.[19]


Evolución demográfica
Evolución demográfica
Evolución da poboación de: Vigo - desde 1900 ata 2004 -
 1900  1930  1950  1981  2004
 23.259  65.012  137.873  258.724  294.772
Fontes: INE e IGE

(Os criterios de rexistro censal variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)


[editar] Clima

A cidade caracterízase por un clima suave, con escasas xeadas, variacións térmicas moderadas e con precipitacións elevadas e certa seca estival. Pódese dicir que é un clima oceánico de transición ao mediterráneo, un clima privilexiado característico das Rías Baixas.

O mar exerce unha acción suavizadora do clima, reducindo a diferenza de temperaturas estivais e invernais. Os ventos nórdicos arrastran en verán as augas superficiais quentes permitindo así o afloramento das frías. Debido á súa baixa temperatura, esas augas non forman nubes, o que provoca a falta de chuvias durante o verán.

[editar] Economía

O porto constitúe o motor da economía viguesa. Á marxe do propio e considerábel volume de negocio e emprego que xeran as simples actividades portuarias, as condicións do porto resultaron decisivas para a radicación na cidade dunha potente industria. Ás actividades industriais tradicionais, vencelladas moi estreitamente ao carácter mariñeiro da cidade (construción naval, en permanente proceso de incorporación de innovacións que a situaron na vangarda mundial, e transformación de produtos pesqueiros, revolucionada a partir do século XVIII coa introdución de novos métodos de conserva), engadiuse a mediados do século XX a industria automobilística, coa localización en 1956 nos terreos da Zona Franca dunha factoría de Citroën (na actualidade PSA Peugeot-Citroën) que, á parte de fornecer ao redor dos 10.000 empregos directos, favoreceu a aparición dun grande número de industrias auxiliares, xurdidas nun primeiro momento para subministrarlle pezas, que conseguiron diversificar a súa clientela grazas aos seus investimentos en investigación e desenvolvemento de novos produtos, acadando en conxunto cifras de emprego e facturación superiores ás da propia factoría de Citroën.

A construción é, coma no conxunto do país, unha actividade moi destacada, tanto en termos de emprego como de negocio. Tamén sobresae Vigo na industria editorial galega.

Alén da actividade industrial e pesqueira, Vigo salienta como cidade de servizos, centro de atracción comercial dunha área que se estende polo Norte até o Salnés, polo Leste até Ourense e polo Sur supera, cruzando o Miño, unha fronteira estatal que deixou de constituír barreira mercé ao Tratado da Unión Europea. Este carácter de cidade de servizos refórzase co feito de seren os seus hospitais públicos (outro importante nicho de emprego) os centros de referencia para toda a poboación desde a beira meridional do Morrazo até o Baixo Miño.

O sector financeiro autóctono lidérao Caixanova, a entidade herdeira da Caixa de Aforros e Monte de Piedade Municipal de Vigo, fusionada coas caixas de Ourense e de Pontevedra a principios do século, que mantén a súa sede social na cidade. O antigo Banco de Vigo mercouno na década de 1970 o Banco de Bilbao (actual Banco Bilbao Vizcaya - Argentaria). Recentemente diluíu a súa personalidade o Banco Simeón, que perdeu a súa denominación logo de integrarse no grupo portugués Caixa Geral de Depósitos).

[editar] Zona Franca

Automóbiles na Zona Franca de Vigo
Automóbiles na Zona Franca de Vigo

A Zona Franca de Vigo é unha das tres que existen en España, xunto ás de Barcelona e Cádiz, e ten como obxectivo principal incentivar o estabelecemento de empresas con vocación exportadora, mediante a aplicación de exencións tributarias e alfandegueiras.

A Zona Franca de Vigo creouse mediante Decreto-Lei do 20 de xuño de 1947, coa intención de aproveitar as favorábeis condicións estratéxicas da localización do porto vigués ao respecto do comercio marítimo internacional para impulsar o desenvolvemento industrial na rexión.

O seu órgano reitor é o Consorcio da Zona Franca, presidido nominalmente polo Alcalde do Concello de Vigo e integrado polo Delegado do Estado, que ostenta a vicepresidencia, catro vogais en representación do Estado, cinco en representación da corporación municipal, o Director de Obras do Porto, o Administrador de Aduanas, e dous vogais representantes da Deputación Provincial, Autoridade Portuaria de Vigo e Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Vigo, ademais do seu Secretario Xeral, nomeado polo Estado, e un avogado do Estado.

[editar] Porto

O porto de Vigo é o porto pesqueiro máis importante de España [20].

Tráfico do Porto de Vigo no 2004
en Toneladas
Conservas 36.359
Froitas e hortaliza 51.346
Granito bruto 571.821
Granito elaborado e Mármores 46.793
Madeira 267.273
Metais e manufacturas 213.077
Papel e pasta 26.917
Mercadorías de colectores +-2.000.000
Total de mercadorías 4.235.331
Total 4.730.399

Os grandes cruceiros como o Queen Mary 2 fan escala habitualmente no peirao de trasatlánticos de Vigo.

No ano 2004 a cidade de Vigo foi elixida como sede da Axencia Europea de Pesca, despois de desbloquearse os acordos sobre as axencias europeas, os cales levaban dous anos bloqueados. Para os meses de marzo e xuño do ano 2008, agárdase que se instalen os funcionarios da axencia, aínda que traballarán nunha sede temporal mentres non se rematen as obras da Comandancia de Mariña[21].

Imaxe de satélite do porto de Vigo.
Imaxe de satélite do porto de Vigo.

[editar] Aeroporto

O aeroporto de Peinador esta situado na periferia da cidade, en terreos pertencentes aos concellos de Vigo, Redondela e Mos, estes dous últimos, integrantes da actual área metropolitana de Vigo.

No ano 2006, o aeroporto de Peinador acadou a cifra de 1,500,000 pasaxeiros[22], o que constitúe un crecemento do 7,1% fronte aos datos do 2005.

[editar] Universidade

Vigo conta cun renovado, moderno e extenso Campus Universitario (CUVI) na periferia da cidade, que aglutina as escolas de Enxeñaría Superior de Telecomunicacións e Industriais, de grande tradición na cidade, e a escola de Económicas e Empresariais. Asimesmo é unha das poucas universidades que ofrece a titulación de Ciencias do Mar[Cómpre referencia]. No Campus tamén existen centros de investigación á disposición da universidade e empresas tecnolóxicas do sector.

As Escolas de Enxeñaría Técnica Industrial e de Administración de Empresas estan situadas no centro da cidade.

[editar] Cultura

[editar] Actividade editorial

Manuel Murguía, o marido da escritora Rosalía de Castro, publicou en Vigo Cantares gallegos, libro escrito pola súa dona, e que destaca no período literario do Rexurdimento.
Manuel Murguía, o marido da escritora Rosalía de Castro, publicou en Vigo Cantares gallegos, libro escrito pola súa dona, e que destaca no período literario do Rexurdimento.

Desde o século XIX foise conformando como o maior centro editorial de Galicia. As orixes da imprenta en Vigo están vinculadas coa medra da cidade, a defensa dos intereses locais e o espallamento de ideas progresistas. O 3 de novembro de 1853 o impresor Ángel de Lema y Marina publica o primeiro número de Faro de Vigo, co apoio de dous persoeiros combativos, José Carvajal e o poeta José María Posada, que afrontaron os conflitos daquel momento (o problema do lazareto da Illa de San Simón, que causou disputas coa Coruña, a emigración, a loita polo ferrocarril e a miseria do mundo agrario). A súa primeira sede editorial estivo na rúa da Oliva e logo na rúa Colón. Acompañando ao xornal publicou folletíns de autores galegos e estranxeiros, libros en edición popular e coleccionables relativos á historia e etnografía local. En 1856 créase a Imprenta Compañel na rúa Real, rexida polo impresor Juan Compañel co apoio de Alexandre Chao e o erudito Manuel Murguía. Tratábase dunha editorial rexionalista na liña do espírito do Bienio Progresista. Entre as súas publicacións cómpre salientar o xornal La Oliva (1956-), que trocará o nome da cabeceira por El Miño entre os anos 1857 a 1868. A editorial publicou diversos libros de ciencia, literatura, educación, pensamento e folletíns como suplemento do xornal, pero o seu título máis salientable é Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, con pé de imprenta do 17 de maio de 1863, data que se lembra cunha placa na porta do edificio. A finais do século XIX instalouse en Vigo o hispanista Eugenio Kraft, especializado en edicións filolóxicas da literatura española.

Pouco e pouco vai medrando a actividade editorial na cidade, pero o pulo definitivo chega logo da guerra civil, sobre todo no ámbito das editoriais galeguistas, aínda que aparecen algunhas iniciativas de edición en español que teñen interese. En 1943 Marcial Lafuente Estefanía, enxeñeiro represaliado por republicano que vivira nos Estados Unidos, e mais o libreiro-impresor Barrientos, dono da libraría Tetilla, fundan a Editorial Cíes e ese ano Lafuente Estefanía publica a súa primeira novela do oeste, La mascota de la pradera. Cíes comezou con dúas liñas de novela popular en formato peto, todas escritas polo mesmo autor. Colección Rodeo, a que de maior proxección, especializouse nas novelas do oeste. A novela romántica publicábase noutra colección de menos éxito, e asinada con pseudónimo feminino. No mesmo ano 1943 ábrese con Una aventura romántica, asinada co pseudónimo María Luísa Beorlegui, o nome da súa muller, aínda que empregou tamén o pseudónimo Cecilia de Iraluce para outra obra publicada neses anos, Un anuncio original. Axiña a editorial depende só de Marcial Lafuente Estefanía e muda a sede editorial a Madrid, primeiro, e logo a Ávila. Logo de pertencer aos selos editoriais Bruguera e Ediciones B, na actualidade volve ser unha editora familiar con sede en El Campello, Alacante.

En 1948 Xosé María Álvarez Blázquez e Luís Viñas Cortegoso crean o anticuario Monterrey, na rúa Pi i Margall e dous anos máis tarde fundan Edicións Monterrey. Empezaron publicando libros de bibliofilia, entre eles o polémico Cancioneiro de Monfero, que non era a edición dun códice medieval senón poemas de estilo medieval escritos por X.M. Álvarez Blázquez. En 1951 fúndase Editorial Galaxia, con sede na rúa Reconquista, 1. O seu obxectivo era crear un espazo para a potenciación e modernización do galeguismo. Aínda que se trata dunha editorial xeralista de carácter nacionalista, desde os seus comezos fixou a súa liña editorial, que se centraba na publicación de literatura galega, ensaio e a revista Grial. O seu primeiro director foi Francisco Fernández del Riego, e logo ocuparon este cargo Carlos Casares e Víctor Freixanes. En 1964 os irmáns Álvarez Blazquez abren un novo proxecto editorial, Ediciós Castrelos, con dúas liñas editoriais fundamentais: clásicos galegos, na colección Follas Novas, e a primeira colección de cultura popular galega, Os Libros do Moucho, que publicaba libros escritos polos propios editores, especialmente Xosé María, de etnografía, obras literarias clásicas breves, curiosidades lingüísticas…

A chegada das autonomías contribúe a potenciar a edición en galego, e con ela, a aparición de novas editoriais, que elixen Vigo como sede. En 1979 Xulián Maure Rivas e Germán Sánchez Ruipérez, responsable de Editorial Anaya, crean Edicións Xerais de Galicia, con sede na rúa Doutor Marañón, especializada nos seus comezos en literatura galega e libro de texto. A Maure, seguíronlle na dirección da editorial Luís Mariño, Víctor Freixanes e Manuel Bragado. En 1985 Bieito Ledo Cabido funda Ir Indo, que mantén unha liña xeneralista, aínda que salienta sobre todo pola produción do primeiro proxecto enciclopédico en galego (a primeira edición da Gran Enciclopedia Galega, un proxecto da mesma editorial que produciu a Enciclopedia Asturiana, redactárase en español). En 1960 fúndase SEPT, vinculada á fundación do mesmo nome, unha editorial especializada no libro cristián en galego. Hai que salientar a publicación da primeira edición da Biblia en galego. En 1977 créase A Nosa Terra, que nos seus comezos publica só o semanario do mesmo nome, pero logo se converte en editorial xeneralista de marcada liña nacionalista e independentista. En 1984 Carlos del Pulgar funda Nova Galicia, con sede na Rúa Ricardo Mella, 143. Está especializada en libros de arte tanto en galego como en español coa intención de chegar tamén a un público non galego, e en xeral, libros de arte. A outra liña editorial destacada é a publicación de facsimilares de cabeceiras históricas do xornalismo galeguista (A Nosa Terra, A Fouce, Galeusca, O Tío Marcos da Portela, Nós...). En 1988 Carlos Blanco funda Edicións do Cumio, con sede oficial en Vilaboa, pero moi vinculada a Vigo. Cando Antón Mascato asume a dirección esta editorial xeralista especialízase en lexicografía galega, dicionarios enciclopédicos, música e edición multimedia. En 1991 Gonzalo Allegue funda Nigra, que en 1998 se fusiona cunha editora asturiana e se chama Nigratrea, especializada en coidados libros de cultura popular e unha colección de libros de fotografía histórica galega, que constitúe o máis coñecido do seu catálogo. En 1993 créase Tambre, en Lavadores, como filial de Edelvives, e especialízase en libro infantil e xuvenil e educativos Nestes anos o vigués Severino Cardeñoso Álvarez, especialista en poesía, funda Ediciones Cardeñoso, con sede na rúa República Arxentina, especializada en libros en español e galego de escritores noveis.

  • Fontes: Díez, Julián, “El mejor escritor del oeste”, El Mundo, 01/04/2007; Méndez Ferrín, Xosé Luís,“Editores vigueses”, Faro de Vigo, 08/09/2007, p. 4; Santos Gayoso, Enrique, Historia de la prensa gallega 1800-1986, Sada: Ed. Do Castro, 1990-1995; web da Asociación Galega de editores [1].

[editar] Lugares de interese

Vigo é unha cidade interesante para o turismo, cun fermoso porto e casco vello, museos variados (de arqueoloxía, arte antiga e contemporánea, etc), zonas comerciais, unha grande dotación de hoteis e coa fortuna de estár rodeada de localidades e paraxes de grande atractivo turístico e paisaxístico.

[editar] O centro urbano

Casco vello de Vigo pola noite coa Concatedral e o Concello ao fondo
Casco vello de Vigo pola noite coa Concatedral e o Concello ao fondo
  • O Casco Vello. É a zona antiga de Vigo. Nel, entre outros edificios emblemáticos, atópanse o Castelo de San Sebastián (século XVII), dende o cal apréciase unha boa panorámica da Ría, as prazas da Constitución, Princesa, A Pedra e a rúa Real. Atópase tamén neoclásica Concatedral de Santa María de Vigo, a Casa de Ceta e Pazos de Figueroa (coñecida tamén como Arines) un dos edificios conservados na actualidade máis antigos desta zona, datado do século XVI e sede da Fundación portuguesa Camôes e os soportais do barrio de pescadores por antonomasia, O Berbés. Recentemente foi declarado Ben de Interese Cultural como Conxunto histórico pola Xunta de Galicia. Malia o seu valor cultural, o Casco Vello de Vigo atópase parcialmente deteriorado na maior parte da súa extensión. Na actualidade está sendo obxecto dunha recuperación integral a través do programa Urban, cofinanciado pola Unión Europea.
  • A Concatedral de Santa María de Vigo, antiga Colexiata. Iniciada en 1816 e rematada de construír en 1836, en substitución do templo gótico anterior. Un belo tímpano daquela igrexa medieval consérvase nas ruínas de Santo Domingo, en Pontevedra, dependentes do Museo Provincial. De estilo neoclásico, construída conforme ao proxecto do arquitecto Melchor de Prado Mariño, datado en 1811. Alberga no seu interior o soado Cristo da Vitoria que, segundo a tradición, favoreceu aos vigueses nas Guerras Napoleónicas. Cada primeiro domingo de agosto sae en procesión dentro da maior manifestación relixiosa da cidade.
  • A Praza da Constitución. Praza porticada á entrada do casco antigo, considerada como a Praza Maior de Vigo. Moi familiar, con moitas terrazas e cafés. Nela atópase o antigo concello de Vigo, construído en 1859 por José María Ortiz y Sánchez.
  • A Porta do Sol, lugar onde se atopa o monumento coñecido popularmente como "o Sereo", do que é autor o escultor Francisco Leiro. É o centro neurálxico da cidade.
  • Rúas Príncipe, Urzáiz e Gran Vía. Son as rúas comerciais e de lecer por excelencia. Son rúas axardinadas e con amplas beirarrúas, onde se poden atopar bos establecementos de moda e lecer.
  • A Alameda. Atópase na praza de Compostela, anexa ao Casco Vello da cidade e ao porto. Creada a finais do século XIX nunha zona gañada ao mar, constitúe o primeiro parque urbano creado en Vigo.[23] A maioría das súas árbores son centenarias, destacando as magnolias e as camelias, xunto a outras especies exóticas. O parque, de forma rectangular, caracterízase pola súa grande fonte no seu centro, conta tamén con diversas esculturas de motivos animais (José Luís Medina) e antropomórficas (Camilo Nogueira). Destaca a escultura de bronce de Méndez Núñez, obra de Agustín Querol.


[editar] Vigo, cidade modernista

Vigo ten un elevado número de edificios modernistas, sendo importante tamén o número de edificacións doutros estilos como poden ser o eclecticismo ou o racionalismo, que lle dan a singular aparencia a varias zonas do centro urbano. Así, salferindo o trazado urbanístico de Vigo atópanse edificios monumentais, pequenas alfaias de autores modernistas como Antonio Palacios Ramilo (Teatro García Barbón e antigo Banco de España, actual Casa das Artes), Jenaro de la Fuente (arquitecto do antigo Hotel Universal nas rúas Carral/García Olloqui), Manuel Gómez Román (antigo edificio Simeón na Porta do Sol), Paczevich (os números 13,15,17 da rúa Urzaiz e os nº 15,17,19 da avenidad García Barbón) e José Franco Montes (autor da casa de Joaquin Perez Boullosa na praza de Compostela número 24 e a casa dos irmáns Suárez en Montero Rios número 2)

[editar] Vigo, cidade románica

Igrexa de Santa María de Castrelos
Igrexa de Santa María de Castrelos
Centro Cultural Caixavigo no Teatro García Barbón de Vigo
Centro Cultural Caixavigo no Teatro García Barbón de Vigo

É tal a importancia do románico que se conserva no municipio de Vigo que moitos autores españois chegaron a acuñar o termo de románico vigués. Consérvanse dous dos máis importantes exemplares de igrexas románicas do sur de Galicia:

  • Santa María de Castrelos, a tan só 100 metros do núcleo urbano; do século XII, está formada por unha única nave de ábsida semicircular e unha planta de 20 por 7 metros. No seu muro interior norte poden verse unhas interesantes pinturas murais, restauradas a metade dos anos 90 do século pasado, datables nos séculos XV-XVI, posiblemente. Representan un Cristo en Maxestade, unha misa de san Gregorio e unha epifanía.
  • San Salvador de Coruxo, tamén do XII. Destaca a súa monumental ábsida e os motivos dos seus canzorros. Trátase da igrexa monasterial do antigo priorado que existiu alí ata ben entrada a idade moderna.
  • Santiago de Bembrive, do século XII e tamén cunha ábsida de importancia.

[editar] Museos e Centros culturais

Emprazado na beira da ría, en Punta de Muíño (parroquia de Alcabre), dende el tense unha vista privilexiada da ría. O seu contido museístico versa sobre o mar e a súa relación con Galiza e as xentes que dependen del. O edificio en que está aloxado foi deseñado polos arquitectos Aldo Rossi e César Portela, se ben o primeiro faleceu antes de comezar as obras.

O Verbum é un museo interactivo sobre todos os ámbitos relacionados coa comunicación humana, deseñado como un espazo cultural, lúdico e divulgativo no que se pode participar dun modo activo nos elementos expositivos. Escolleuse o nome de Verbum, vocablo latino que significa "palabra", porque a palabra é a orixe do proxecto e o latín é a orixe das linguas faladas en Galicia.

A construción atópase situada en primeira liña fronte ao mar, no contorno da praia de Samil; zona de ocio cun longo paseo marítimo que bordea a praia, ademais de zonas verdes, dotacións deportivas, parques infantís, establecementos de hostalería e aparcadoiros.

O edificio constituíu na súa orixe un cárcere. Anos máis tarde sería rehabilitado de forma que o 13 de novembro de 2002 volvería abrir as súas portas como museo.

Consta de dúas plantas e un espazo anexo. Acolle exposicións artísticas en diversos soportes tales como fotografía, escultura ou pintura. Ademais destas mostras tamén presenta diversas actividades didácticas.

A Casa das Artes, situada na rúa Policarpo Sanz 15, é o centro principal de exposicións temporais programadas pola unidade de cultura do concello de Vigo. Tamén constitúe a sede da Fundación Laxeiro e da colección Luis Torras.

A Casa Galega da Cultura é un centro multidisciplinar, no que se concilia a programación de actividades artísticas e literarias coa existencia dun fondo bibliográfico e museográfico altamente cualificado no que se refire ó estudo da realidade histórica e actual de Galicia. O centro dispón de sala de exposicións temporais, salón de actos, sala de exposición permanente, sala de lectura e sala de lectura para investigadores, a máis de dependencias de uso interno. Entre os elementos máis salientables da Casa Galega da Cultura compre referirse á Biblioteca Penzol, a Biblioteca Fernández del Riego e o Museo Francisco Fernández del Riego.

Con motivo da construción dun centro de saúde na rúa Rosalía de Castro acháronse, a principios do século XXI, unhas salinas[25] romanas. Resalta deste xacemento arqueolóxico o seu tamaño e a súa vinculación con outros achádegos da zona contemporáneos no tempo.

A Consellería de Cultura está a desenvolver un plan de musealización do xacemento do que prevé a súa apertura ao público no ano 2008[26].

Situado no antigo Pazo de Lavandeira, que fora doado polo Marqués de Alcedo en 1925, está dividido en tres áreas; na planta baixa está decorada simulando o aspecto do pazo cando estaba habitado, outra área está dedicada a arte galega contemporánea e, finalmente está a área de prehistoria e arqueoloxía de Vigo e a súa bisbarra.

Situado en pleno corazón de Vigo, o Centro Cultural Caixanova inaugurouse en 1984. Trátase dunha obra de recuperación de patrimonio histórico sobre o magnífico Teatro García Barbón proxectado polo arquitecto porriñés Antonio Palacios a comezos do século XX. Con preto de 20 anos de experiencia na organización de actividades culturales (música, teatro, danza, cine, conferencias, exposiciones, etc.) e todo tipo de iniciativas relacionadas con convencións, congresos ou reunións de traballo, polo Centro Cultural Caixanova pasan anualmente unha media de 300.000 persoas.

O Museo Liste de Vigo, naceu a partires da Fundación Liste, a seu principal obxectivo é dar a coñercer e difundir o patrimonio etnográfico galego. O museo conta con nove salas de exposicións con máis de 2.000 pezas á disposición do público. A sede do museo atópase na rúa Pastora 22, nun edificio civil propiedade do Concello de Vigo e cedido á Fundación Liste por un prazo de 50 anos.

[editar] Vigo, entorno natural

Ademais dos atractivos propios dunha cidade, Vigo tamén é un concello cunha ampla oferta de praia e natureza, destacando ante todo as Illas Cíes, pero tamén as praias de Samil, Canido e do Vao, os seus parques urbanos e tamén os parques forestais situados nos outeiros que circundan a cidade, case todos eles excelentes miradoiros. Ademais conta con varias importantes rutas de sendeirismo homologadas que percorren os montes e outras paraxes do muncipio vigués.

Praia de Samil coa Illa de Toralla ao fondo
Praia de Samil coa Illa de Toralla ao fondo
  • A praia de Samil, é unha das maiores praias de Vigo e a máis frecuentada por turistas e visitantes. Dispón de amplas zonas de paseo, zonas axardinadas e deportivas, piscinas e outros servizos. Dende esta praia, coas Illas Cíes como fondo, pódense gozar de impresionantes postas de sol.
  • A praia de Canido. Situada entre a praia do Vao e Cabo Estai. Dispón de zonas de paseo e zonas axardinadas, así como un porto marítimo. A pesca é unha das actividades máis desenvolvidas na zona. Posúe tamén restaurantes para a degustación de mariscos e peixes propios da Ría de Vigo.
  • A praia do Vao, de grande calidade ambiental. No seu extremo occidental atópase a vila romana de Toralla (s. III-IV a.dC.), visitable e sobre a que se realiza un proxecto de escavación e museización.

Estas dúas últimas praias, xunto coas da Punta, O Tombo do Gato, Argazada e Fontaíña foron as praias viguesas distinguidas co galardón da bandeira azul no ano 2007.

Illas Cíes dende a Costa da Vela, Cangas
Illas Cíes dende a Costa da Vela, Cangas
Entrada ao Monte do Castro
Entrada ao Monte do Castro
  • O Parque de Castrelos. Situado no barrio do mesmo nome, é o maior parque urbano de Vigo. Está dotado dun gran auditorio ao aire libre e zonas de paseo con estanques e variedade é especies forestais. Nel atópase o Pazo de Castrelos, propiedade do pobo de Vigo e transformado en Museo dende que, en 1925 fose doado polo último descendente da familia Quiñones de León, antiga propietaria.
  • O Monte do Castro. É un parque situado no centro da cidade. Ocupa o espazo dun antigo poboado fortificado (castro) do que se pode apreciar unha parte escavada en distintas intervencións arqueolóxicas, con varias construcións circulares (prerromanas) e cadrangulares (forma proveniente da romanización). O Castro de Vigo está datado entre os séculos VI antes de Cristo ao II despois de Cristo. O mundo castrexo coincide coa chamada Idade de Ferro en Galicia e a romanización nos seus albores. No parque tamén se poden contemplar os restos dunha das fortificaciones do século XVII que formaban parte -xunto co próximo castelo de San Sebastián e as murallas que rodeaban a cidade antiga- da estrutura defensiva de Vigo.
  • O Monte da Guía, atópase no barrio de Teis. Miradoiro privilexiado sobre a Ría de Vigo. Este monte foi tamén un Castro, un dos 27 poboados fortificados da idade do ferro que están catalogados no concello. O seu nome débese con toda probabilidade a unha paronimia do orixinal "Monte da Águia" pola forma castelá "Monte de la Guía" (Monte da Guía).
  • Parque Natural das Ciencias - Vigozoo

O único zoo de Galicia non é un mero recinto de exhibición, senón que constitúe un parque de ciencias naturais especializado na fauna autóctona Europa1europea e na conservación das súas especies.

Así, o Parque Natural das Ciencias - Vigozoo ten como un dos seus obxectivos o traballo xenético para a recuperación de especies en vías de extinción. Ademais, o parque desenvolve traballos sobre a valoración da tensión de animais engaiolados, de anatomía comparada de grandes mamíferos, dos anfibios e réptiles, de parasitoloxía, do desenvolvemento de larvas da adaptación reproducitiva dos animais..., adaptando a contorna ás necesidades de cada exemplar.

  • Os amplos parques forestais situados nos arredores de Vigo: O Monte Alba (trátase do punto de maior altitude, con excelentes vistas sobre as Rías Baixas), o próximo Monte Cepudo, o Monte dous Pozos, o Monte de Beade, Vixiador, Madroa, Saiáns e Zamáns.

[editar] Deporte

Escudo do Real Club Celta de Vigo
Escudo do Real Club Celta de Vigo

As actividades deportivas comezaron a practicarse no seo dos centros de ensino e sociedades recreativas a finais do século XIX. Entre as entidades deportivas máis antigas destacan o Real Club Náutico de Vigo, fundado en 1906, e o Liceo Marítimo de Bouzas, fundado en 1907. Nadadores, remeiros e regatistas do Náutico representaron á cidade nas máis importantes competicións internacionais, integrando as distintas seleccións españolas, coas que participaron en Xogos Olímpicos e mesmo acadaron títulos continentais e mundiais. En 1915 fúndase o Comesaña Sporting Club na parroquia do mesmo nome, a agrupación decana do atletismo galego, que deu atletas destacados nas décadas de 1920 e 1940.

A puxanza do mundo da vela local non pasou desapercibido á organización da regata Volta ao Mundo de Veleiros Volvo Ocean Race, que nunha aposta novidosa partiu dende Vigo o 12 de novembro de 2005. Por primeira vez unha cidade non británica era a encarregada de dar saída a este evento deportivo de grande relevancia na vela mundial.

O club máis representativo da cidade é o Real Club Celta de Vigo, creado en 1923 da fusión do Real Vigo Sporting e o Real Fortuna, equipos que até daquela rivalizaban na hexemonía do fútbol galego, alternándose na conquista dos títulos rexionais (o Vigo chegara a proclamarse subcampión de España en 1908). A actividade do R.C. Celta céntrase no fútbol, malia que mantén unha sección de atletismo que compite na máxima categoría española e que proporcionou tamén atletas olímpicos, como os míticos Carlos Pérez e Álvarez Salgado, ou máis recentemente os tamén fondistas Alexandre Gómez e Carlos Adán ou o decatleta David Gómez. Os principais éxitos futbolísticos célticos foron os tres subcampionatos da Copa de España (1948, 1994 e 2001) e a disputa de competicións continentais, nas que tivo a honra de ser o primeiro club galego en participar (ao debutar na primeira edición da Copa da UEFA) e en conquistar un torneo oficial (a Copa Intertoto de 2000).

O Celta mantivo ata finais dos anos 80 unha sección de baloncesto feminino que conquistara a supremacía na canastra española ao comezo daquela década, na que coleccionou títulos de liga e copa da Raíña. Trala desvinculación do Celta, o baloncesto feminino vigués mantívose na elite nacional (aínda que relegado da loita polos trofeos), ata que a principios do novo século, recuperada a denominación céltica, voltou a conquistar os campionatos de liga e copa.

Outro deporte moi arraigado na cidade é o balonmán. Ao histórico Vulcano sucedeulle no liderazgo do balonmán vigués o Academia Octavio, de dilatada traxectoria na máxima categoría nacional. A mediados da década de 1990, o Octavio acadou os seus maiores logros, cun subcampionato de Copa do Rei en 1995 que lle abriu as portas das competicións europeas, nas que se convertiu en protagonista nas tres tempadas seguintes, quedándose por dúas veces ás portas da gran final.

Outro deporte de gran tradición na cidade é o voleibol. O Club Voleibol Vigo é o decano dos participantes na División de Honra española.

A vocación deportiva da cidade exprésase coa proliferación de talentos nas máis variadas disciplinas e coa organización de torneos e probas de rango internacional. Alpinistas como Chus Lago, primeira muller española en acadar o cumio do Everest sen axuda de osíxeno suplementario, ou patinadoras como Tamara Valderrama acreditan esta afirmación. Entre os acontecementos deportivos máis importantes que acolleu a cidade destacan a Fase final da Copa do Mundo da FIFA en 1982 (fútbol), os Torneos Preolímpicos de balonmán masculino (1972) e baloncesto feminino (1992), probas da Copa do Mundo de Saltos hípicos, da Copa do Mundo de Bicicleta de Montaña, a saída da regata volta ao mundo-Volvo Ocean Race en 2005 ou as escalas da espectacular Cutty Sark Tall Ship Race de grandes veleiros de época.

[editar] Gastronomía

As ostras son un prato típico da gastronomía viguesa
As ostras son un prato típico da gastronomía viguesa

A gastronomía viguesa, ao igual ca galega, caracterízase pola calidade dos seus produtos e a elaboración dos seus pratos. En Vigo pódese atopar o mellor da gastronomía do país: Mariscos, peixes, carnes, vexetais, empanadas, queixos e viños.

Na cidade de Vigo pódese atopar todo tipo de establecementos. No Berbés -barrio mariñeiro da cidade- existen multitude de restaurantes típicos mariñeiros; preto do Berbés, e tamén no Casco Vello da cidade, atópanse a famosa "rúa das ostras" (R/Pescadería) e a "rúa do polbo" (R/Laxe), nas que se poden apreciar produtos típicos da gastronomía viguesa tales como as ostras e o polbo. Ademais dos restaurantes tradicionais, na cidade olívica existen restaurantes para tódolos gustos e petos, existindo diversos tipos de restaurantes de comida rápida e internacional.

A auxe da inmigración da última década, contribuíu á introdución das gastronomías representativas dos distintos grupos culturais que foron asentando na cidade. Así existen diversos establecementos de comida chinesa, italiana, paquistaní, arxentina, xaponesa, entre outros.

[editar] Mariscos

O mar é o grande proveedor da gastronomía viguesa. A situación xeográfica de Vigo fai que a Ría presente unhas singulares características en canto a temperatura da agua, plancton, etc., que a converten nun magnífico viveiro para todo tipo de mariscos, dándolles un sabor excepcional.

Algúns destes son cultivados, como os berberechos, as ameixas ou os mexillóns (éstes últmos cultivados en grandes plataformas chamadas “bateas”; vexa miticultura); e outros apáñanse directamente do mar, como é o caso das nécoras, centolas, bois ou vieiras.

[editar] Servizos

[editar] Medios de comunicación

Factoría do xornal Faro de Vigo en Chapela, Vigo
Factoría do xornal Faro de Vigo en Chapela, Vigo

[editar] Medios de transporte