Real Academia Galega
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
A Real Academia Galega é unha institución científica, creada en 1906, que ten como obxectivo o estudo da cultura galega, e en especial da lingua galega. Elabora as súas normas ortográficas, gramaticais e léxicas, deféndea e promociónaa. Ademais, decide a personalidade literaria á que se lle dedica o Día das Letras Galegas. Os seus membros son personalidades influentes do mundo da cultura galega, relacionados maioritariamente coa lingua. Dende decembro de 2001 o seu presidente é Xosé Ramón Barreiro Fernández.
O seu lema é Colligit. Expurgat. Innovat
Índice |
[editar] Historia
O precedente da Real Academia Galega foi a Comisión Xestora para a creación da Academia Galega, promovida por Emilia Pardo Bazán e Ramón Pérez Costales. Montouse sobre a base dunha sociedade, Folklore Gallego, presidida pola escritora.
En 1904, Manuel Murguía publicou un artigo na revista do Gran Hotel de Mondariz no que propugnaba a creación dunha academia galega. Este artigo espertou interese e en 1905 constituíuse na Habana a Sociedade Protectora da Academia Gallega, grazas ao impulso de Manuel Curros Enríquez e Xosé Fontenla Leal. En Galiza seguiron esta iniciativa algúns persoeiros que se reunían na Libraría Rexional de Uxío Carré Aldao da Coruña. A Real Academia Galega constituíuse o 30 de setembro de 1906, presidida por Manuel Murguía e con corenta membros. O acto celebrouse nos locais da Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos, case un ano despois da presentación legal dos seus estatutos. Os obxectivos iniciais eran fundamentalmente lingüísticos e incluían a elaboración dun dicionario e unha gramática, proxectos que demoraron moitos anos.
Durante a presidencia de Murguía (1906-1923) elevouse a figura de Rosalía, comezouse a publicar o Boletín de la Academia Gallega (263 números) e a Academia viuse no medio de polémicas e enfrontamentos debido ao seu carácter galeguista. O segundo presidente, Andrés Martínez Salazar, foino só un ano, xa que morreu inesperadamente. A entidade entrou nun período de inactividade que motivou a fundación do Seminario de Estudos Galegos. O terceiro presidente foi Eladio Rodríguez (1926-1934), e durante este período entraron Castelao e Antón Vilar Ponte. Substituíuno Manuel Lugrís Freire, que houbo de dimitir en 1936 por problemas de saúde. Chegou entón a Guerra Civil española, que fixo silenciar a institución e levouna a unha etapa de semiclandestinidade durante a que foi presidida por Manuel Casás Fernández (1942-1960) e Sebastián Martínez Risco y Macías (1960-1977).
Esta etapa viviuse como un tempo de espera. En 1963 presentou a iniciativa do Día das Letras Galegas que, non moi valorada nun primeiro momento, tornouse especialmente dinamizadora co transcurso dos anos. Desde as dependencias municipais do Palacio de María Pita, trasladouse á sede actual da rúa Tabernas. No 1972 a RAG estandarizou o deseño actual das Armas ou Escudo do Reino de Galicia. Anos máis tarde, a RAG propuxo á Xunta de Galicia de conservar a memoria da antiga bandeira galega dentro da Bandeira de Galicia moderna. O resultado foi a superposición das armas ou escudo galego sobre a bandeira nacional civil, formando a actual bandeira oficial que debe figurar nos actos oficiais do goberno e institucións galegas.
Durante a presidencia de Domingo García-Sabell (1977-1997), produciuse o acordo co Instituto da Lingua Galega sobre as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego (1982), co cal se unificaban as dúas propostas enfrontadas. A Real Academia foi recoñecida como referencia na Lei de normalización lingüística. Creáronse un Seminario de Lexicografía, que elaborou o seu primeiro dicionario monolingüe, e o Seminario de Sociolingüística, que realizou o Mapa Sociolingüístico de Galicia.
Coa presidencia de Francisco Fernández del Riego (1997-2001) abriuse a institución e coa actual de Xosé Ramón Barreiro Fernández, déuselle un pulo á informatización dos fondos documentais que se foran adquirindo e en 2003 revisáronse as Normas ortográficas e morfolóxicas.
[editar] Composición da Real Academia Galega
- Presidente: Xosé Ramón Barreiro Fernández
- Secretario: Manuel González González
- Vicesecretario: Salvador García-Bodaño Zunzunegui
- Tesoureiro: Andrés Fernández-Albalat Lois
- Arquiveiro/Bibliotecario: Xosé Luís Axeitos Agrelo
- Académicos: ademais dos cinco anteriores, son académicos numerarios os seguintes:
- Xesús Alonso Montero
- Rosario Álvarez Blanco
- Darío Xohán Cabana Yanes
- Francisco Díaz-Fierros Viqueira
- Francisco Fernández del Riego
- Víctor Fernández Freixanes
- Francisco Fernández Rei
- Xesús Ferro Ruibal
- Xosé Luís Franco Grande
- Olga Gallego Domínguez
- Constantino García González
- Antonio Gil Merino
- Camilo González Suárez-Llanos
- Xaime Illa Couto
- Ramón Lorenzo Vázquez
- Xosé Luís Méndez Ferrín
- Xosé Neira Vilas
- Luz Pozo Garza
- Francisco Xavier Río Barja
- Euloxio Rodríguez Ruibal
- Antón Luís Santamarina Fernández
- Xohana Torres Fernández
- Andrés Torres Queiruga
- Ramón Villares Paz
- Vacante a cadeira deixada tras o falecemento de Miguel Anxo Araúxo Iglesias

