Ramón Piñeiro
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Ramón Piñeiro López (Armea, Láncara, Lugo, 31 de maio de 1915 - Santiago de Compostela, 27 de agosto de 1990) foi un escritor, filósofo, ensaísta e político galego.
Índice |
[editar] Biografía
Ramón Piñeiro naceu en Láncara, na provincia de Lugo, en 1915. En 1932, mentres estuda bacharelato superior en Lugo, ingresa nas mocidades do Partido Galeguista, onde pronto destaca a pesar da súa timidez. Alí coñece a Ramón Otero Pedrayo (1888 - 1976), e chega a ser elexido secretario do comité provincial para o plebiscito do Estatuto de Autonomía de Galicia, en 1936. Loita por obriga na guerra civil no bando nacional, e ó remate da guerra, realiza estudos de Filosofía e Letras na Universidade de Santiago. Dende 1943 participa na reorganización clandestina do Partido Galeguista no interior, membro do Comité Executivo como Secretario Político, púxose en contacto co resto da oposición ao franquismo en Galicia e cos nacionalistas cataláns e vascos para asegurar a presenza galega en todos os foros pensando nunha caída do réxime franquista tras a vitoria aliada na Segunda Guerra Mundial, detido en abril de 1946 permaneceu tres anos na cadea, a pesar de que foi condeado a seis. Ó sair do cárcere, establécese en Santiago, defendendo a loita cultural frente á loita armada e política, en pleno enfrontamento entre os galeguistas do exilio (partidarios da guerrilla), radicados sobre todo en Arxentina (Castelao falecera en Bos Aires en 1950), antifranquistas e republicanos, e os galeguistas «do interior», máis preocupados por fornecer ás xeneracións novas, do apego á cultura galega para preparalos para a transición democrática. Interviu activamente na auto disolución do Partido Galeguista e en 1950 foi o adalid do grupo que fundou a Editorial Galaxia (da que foi o primeiro director literario), que en pleno franquismo comezou a publicar libros en galego e sobre asuntos relacionados con Galicia. Un par de anos máis tarde, Galaxia publica a Revista de Economía de Galicia, onde comeza a anlaizarse o desenvolovemento económico de Galicia. Piñeiro dirixiu a editorial e traballou nela ata 1966. Alí publicou en 1953, xunto con outros autores, A Saudade, ensaios (Galaxia, Vigo 1953, 197 págs.).
En 1966 trasladase a Estados Unidos, como profesor invitado da Universidade de Middlebury, en Vermont. O 25 de novembro de 1967 ingresa na Real Academia Galega, co discurso "A lingoaxe i as lingoas", que foi respondido por Domingo García-Sabell (médico nacido en 1909, membro tamén da «Xeración Galaxia»).
Durante o tardofranquismo determinados ideólogos do galeguismo asociado ás revolucións socialistas pretendidamente marxistas, foron especialmente críticos con Ramón Piñeiro e co grupo representado por Galaxia, tratándoos de "conservadores". Exemplo disto foi Xosé Luís Méndez Ferrín, que na novela Retorno a Tagen Ata (1971) incluso chega a matar a Ulm Roan, o ideólogo do nacionalismo clásico e non revolucionario, que os seus lectores ben poderían identificar con Ramón Piñeiro (quen, pola súa parte, non tiña reparos en reseñar tal novela en Grial, a súa revista).
As pretensións políticas de Piñeiro tiñan como obxectivo que todos os líderes políticos galegos asumiran o galeguismo entre os seus obxectivos fundacionais. Baixo o grupo denominado Realidade Galega, influíu notablemente para acadar partidos homologables ós europeos (un de corte socialdemócrata e outro demócrata conservador). Proba desta postura política, foron os seus constantes contactos epistolares cos líderes culturais e políticos de todos os partidos que existían na clandestinidade galega, e os que agromaban ó principio da democracia, tales como Xosé Manuel Beiras, Xaime Illa Couto, Xerardo Fernández Albor, etc., e que non deixaron de pasar pola xa famosa "mesa camilla" da súa casa na zona vella de Santiago, onde Piñeiro os asesoraba, ó tempo que traballaba porque os novos universitarios se inbuísen do galeguismo independentemente da súa ideoloxía política ou postura artística.
Cando chega a democracia, Piñeiro, que nunca deixou de defender a postura do "galeguismo difuso" (isto era, "tinguir todos os partidos de galeguismo en vez de ter un único partido galeguista"), deu exemplo desta postura e formou parte do primeiro Parlamento Autonómico, como deputado pola provincia da Coruña, como independente dentro das listas do PSdeG (Partido Socialista de Galicia-PSOE Partido Socialista Obrero Español), xunto con outras destacadas figuras da cultura galega como Alfredo Conde ou Benxamín Casal.
Da súa carreira política destaca o seu labor de ponente da primeira Lei de Normalización Lingüística de Galicia, da que foi un dos seus auténticos pais. En 1983 foi elixido primeiro presidente do Consello da Cultura Galega, cargo que desempeñou ata o seu pasamento, o 27 de agosto de 1990, a consecuencia dunha insuficiencia hepática. En 1985 recibe a Medalla Castelao.
| Predecesor: 1º presidente |
presidente do Consello da Cultura Galega 1983 - 1990 |
Sucesor: Xosé Filgueira Valverde |
O 11 de febreiro de 1993 o Presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga Iribarne, asina o decreto 25/1993 polo que se creaba o Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro, institución que por decreto 330/1997 pasou a denominarse, o 13 de novembro de 1997, como Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
A Real Academia Galega decidiu o 5 de xullo de 2008 dedicarlle o Día das letras galegas do ano 2009.
[editar] Obra
A obra escrita por Ramón Piñeiro non é abundante, centrándose case na súa totalidade na filosofía da "saudade", Siñificado metafísico da saudade, notas pra unha filosofía galaico-portuguesa (Galaxia, Vigo s.a., 23 págs.); e Filosofía da saudade (Galaxia, Vigo 1984, 121 páxs.). A súa correspondencia publicouse en Cartas para os amigos (1992) e Un epistolario de Ramón Piñeiro (2000).

