Carlos Casares
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Carlos Casares Mouriño (Ourense, 24 de agosto de 1941 - Vigo, 9 de marzo de 2002) foi un escritor en lingua galega.
Índice |
[editar] Biografía
naceu e Ourense, pero pasou a maior parte da súa infancia en Xinzo de Limia, vila na que o seu pai, Francisco, exerceu como mestre.
Estudou Filosofía e Letras na Universidade de Santiago. Desenvolveu a súa actividade cultural e profesional como escritor, editor e catedrático de instituto.
En 1971 casou con Kristina Berg, de orixe sueca, coa que tivo dous fillos, Håkan e Christian[1].
A súa ideoloxía estivo marcada polo maxisterio e amizade con Ramón Piñeiro e polo grupo de galeguistas vinculados á editorial Galaxia, da que foi director dende o ano 1985 ata a súa morte. Foi elixido membro da Real Academia Galega en 1977. Foi un dos catro deputados galeguistas independentes integrados nas listas do PSdeG-PSOE (1981-1985), e presidente do Consello da Cultura Galega en 1996.
| Predecesor: Xosé Filgueira Valverde |
presidente do Consello da Cultura Galega 1996 - 2002 |
Sucesor: Alfonso Zulueta de Haz |
[editar] Obra
[editar] Revistas
Colaborou en numerosas revistas e xornais, entre eles Grial, revista da que foi director dende 1989 a 2002, ano do seu falecemento, La Región, El País e La Voz de Galicia. Parte deste traballo xornalístico foi publicado en formato libro: Á marxe. Palabra de escritor (2 de xaneiro - 10 de marzo de 2002) (2003), Á marxe, 1992 (2005), Á marxe, 1993 (2005), Á marxe, 1994 (2006) e Á marxe, 1995 (2006).
[editar] Narrativa
Deuse a coñecer con Vento ferido (1967), unha colección de relatos breves sobre a violencia e o fatalismo. Entre as súas obras sobresaen: Cambio en tres (1969), Xoguetes pra un tempo prohibido (1975), Os escuros soños de Clío (1979), Ilustrísima (1980), Os mortos daquel verán (1987), Deus sentado nun sillón azul (1996), Na marxe de cada día: follas dun diario (1994), Un país de palabras (1999) e O sol do verán (2002).
[editar] Literatura infantil
Como escritor de literatura infantil publicou A galiña azul (1968), As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas (1973), O can Rin e o lobo Crispín (1983), Lolo anda en bicicleta (1996), O galo de Antioquía (1994), Un polbo xigante (2000), e a serie de Toribio: Este é Toribio (1991), Toribio contra o profesor Smith (1991), Toribio e o contador de contos (1991), Toribio ten unha idea (1992), Toribio revoluciona o tráfico (1994).
[editar] Biógrafo e ensaísta
Como biógrafo e ensaísta legounos varios traballos sobre a vida e obra de Vicente Risco, Otero Pedrayo, Ramón Piñeiro, Curros Enríquez e o Padre Sarmiento; así como unha achega á presenza de Ernest Hemingway en Galicia e de Galicia na obra do escritor norteamericano, Hemingway en Galicia (1999)
O humor, a sinxeleza e a claridade no tratamento dos temas que afectan ó mundo de hoxe constitúen as marcas máis características do seu estilo narrativo e ensaístico.
[editar] Tradutor
Traduciu O principiño (1983) do francés Antoine de Saint-Exupéry, Os escaravellos voan á tardiña (1989) da sueca María Gripe e O vello e o mar (1998) do norteamericano Ernest Hemingway.
[editar] Referencias
[editar] Véxase tamén
[editar] Bibliografía
- Ramón Loureiro (2003), Carlos Casares, Vigo: Promocións Culturais Galegas / A Nosa Terra. ISBN 84-96203-51-4.
- Varios autores (2004), Carlos Casares. Os amigos, as imaxes, as palabras, Vigo: Promocións Culturais Galegas / A Nosa Terra. ISBN 84-96403-20-3.
- Varios autores (2003), Carlos Casares. Monografías. Revista de Estudios Miñoranos, Val Miñor: Instituto de Estudios Miñoranos. ISBN 84-8289-213-4.

