Balea

Na Galipedia, a wikipedia en galego.

Para outras páxinas con títulos homónimos véxase: Balea (homónimos).
Baleas
Yubarta
Clasificación Científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Orde: Cetacea
Suborde: Mysticeti
Familias
Balaenidae
Neobalaenidae
Balaenopteridae
Eschrichtiidae

A denominación común de balea asígnase a aqueles cetáceos que posúen barbas na boca, en lugar de dentes (suborde Mysticeti). Fronte a eles estarían os cetáceos con dentes (suborde Odontoceti). Adoitan ser de gran tamaño (de 7 a 30 metros) e viven exclusivamente no mar.

A palabra balea deriva do latín balaena e está relacionada coa grega phallaina, ambas significando "balea".

O termo balea debe reservarse ós misticetos, concretamente ós integrantes da familia Balaenidae. Outros cetáceos semellantes doutras familias denomínanse tecnicamente rorcuais, pero tamén resulta habitual denominalos como baleas. Así mesmo, tamén está imposto o seu uso na lingua para designar outras especies de cetáceos con dentes, como é o caso de balea asasina para designa-la candorca (que nin é balea nin é asasina), de balea de esperma para o cachalote ou de balea piloto para o caldeirón. Tamén reciben este nome algunhas especies de zifios.


Índice

[editar] As barbas ou baleas

O trazo máis característicos das baleas, á parte do seu gran tamaño, é a presenza dunhas estruturas especiais na boca que substitúen os dentes: as chamadas barbas ou baleas. Non se trata de dentes transformados, senón de placas de queratina (a mesma substancia que forma as nosas uñas ou o pelo) que penduran do bordo da mandíbula superior pechando a cavidade bucal. Cando a boca está pechada, as barbas quedan cubertas polos “labios” inferiores. O bordo interior de cada unha destas placas está esfiañado en cerdas ríxidas que forman unha peneira moi mesta capaz de reter os corpos sólidos presentes na auga que envían.

O tamaño –en anchura e lonxitude- e o número son moi variables segundo a especie, así como a cor, e son elementos a ter en conta á hora de identifica-las distintas especies. Os distintos tamaños das barbas, xunto a outras modificacións morfolóxicas como a maior ou menor convexidade do cranio e a presenza de máis ou menos sucos na gorxa, son consecuencia dos diferentes hábitos alimenticios destes cetáceos.

As baleas aliméntanse de pequenos crustáceos (krill) e, en menor medida, de pequenos peixes. O sistema que utilizan é avanzar coa boca aberta e enchela dun gran volume de auga (no que axuda a dilatación da pel da gorxa e a particular estrutura da articulación das mandíbulas). A seguir, pechan a boca e coa axuda da lingua expelen a auga, que é filtrada polas barbas retendo tódolos animais que viñan nela.

[editar] Clasificación taxonómica

Os misticetos divídense en catro familias, que engloban 6 xéneros e 11 especies:

  • Balaenidae
  • Neobalaenidae
  • Balaenopteridae
  • Eschrichtiidae

[editar] Balaenidae

Tamén chamadas baleas correctas ou verdadeiras, denominación que non implica que as outras especies de baleas se consideren falsas, senón que estas eran as máis apropiadas para a caza, por seren máis lentas e aboiaren unha vez mortas. A familia está constituída por dous xéneros con tres especies.

Balea de Grenlandia cazada en 2002 (Ansgar Walk)
Balea de Grenlandia cazada en 2002 (Ansgar Walk)
  • Balaena mysticetus (Linnaeus 1758).
    • galego: balea de Grenlandia.
    • castelán: ballena de Groenlandia, ballena de cabeza arqueada.
    • inglés: Bowhead whale.
    • francés: Baleine de Groenland.
  • Eubalaena australis (Desmoilins 1822).
    • galego: balea franca austral.
    • castelán: ballena franca meridional, ballena franca austral.
    • inglés: Southern right whale.
    • francés: Baleine australe.
  • Eubalaena glacialis (Müller 1776).
    • galego: balea vasca.
    • castelán: ballena vasca, ballena franca, ballena franca septentrional.
    • inglés: Northern right whale.
    • francés: Baleine de Biscaye.

Son animais de gran tamaño, pouco hidrodinámicas e máis lentas que outras baleas. Caracterízanse por ter unha cabeza que representa a metade da lonxitude total e pola ausencia de aleta dorsal.

O perfil do cranio é marcadamente convexo. As barbas (ou baleas) son máis longas (ata 2,7 m) que nos outros misticetos, estreitas e numerosas (230-360 en cada lado). As sete vértebras cervicais están soldadas.

Algúns autores separan as poboacións do Pacífico norte como unha terceira especie de Eubalaena, para a que propoñen o nome de Eubalaena japonica.

[editar] Neobalaenidae

Un único xénero cunha única especie.

  • Caperea marginata (Grasy 1846).
    • galego: balea pigmea.
    • castelán: ballena pigmea, ballena franca pigmea.
    • inglés: Pygmy right whale.
    • francés: Baleine pygmée.

Trátase dunha especie pouco coñecida. De menos de 7 m de lonxitude, é a menor das baleas (de aí o nome). Presenta unha pequena aleta dorsal falciforme (co bordo posterior cóncavo), bastante retrasada. Na gorxa posúe dous sucos.

O tamaño da cabeza é aproximadamente un cuarto da lonxitude total. A forma do cranio non é tan convexa coma a dos Balaenidae mais é máis ancha, o que a aproxima ós Balaenopteridae.

[editar] Balaenopteridae

Son os chamados rorcuais, caracterizados polos sucos que posúen na gorxa. A familia está integrada por dous xéneros con seis especies.

  • Balaenoptera physalus (Linnaeus 1758).
    • galego: balea común, rorcual común.
    • portugués: baleia comúm, baleia fina.
    • castelán: rorcual común.
    • inglés: Fin whale.
    • francés: Rorqual commun.
  • Balaenoptera acutorostrata (Lacepède 1804).
    • galego: balea alibranca, rorcual alibranco.
    • portugués: baleia anã.
    • castelán: rorcual aliblanco, rorcual enano.
    • inglés: Minke whale.
    • francés: petit rorqual.
  • Balaenoptera borealis (Lesson 1828).
    • galego: rorcual de pintas.
    • castelán: rorcual norteño, rorcual del norte, rorcual de Rudolphi.
    • inglés: Sei whale.
    • francés: Rorqual de Rudolphi.
  • Balenoptera edeni (Anderson 1878).
    • galego: rorcual de Bryde.
    • castelán: rorcual tropical, rorcual de Bryde.
    • inglés: Bryde’s whale.
    • francés: rorqual de Bryde.
  • Balaenoptera musculus (Linnaeus 1758).
    • galego: balea azul.
    • castelán: ballena azul, rorcual azul.
    • inglés: Blue whale.
    • francés: rorqual azul.
  • Megaptera novaengliae (Borowski 1781).
    • galego: balea xibarte.
    • portugués: baleia-de-bossas, baleia-marreca.
    • castelán: yubarta, jibarte, rorcual jorobado.
    • inglés: Humpback whale.
    • francés: baleine à bosse.

Tódalas especies deste grupo miden máis de 10 m de lonxitude e, normalmente, son moito máis grandes. Unha delas, a balea azul, é o animal máis grande que xamais existise sobre a terra. Habitualmente, as femias son maiores cós machos.

Son animais de corpo longo e fino, hidrodinámico, o que lles permite movementos rápidos, e posúen de 12 a 120 pregos na gorxa, desde o extremo anterior ata o abdome. Estes pregos posibilitan a dilatación da cavidade bucal –a modo dun acordeón- e inxerir grandes volumes de auga, da que filtran o seu alimento. Entre as outras baleas, só a balea gris posúe algo semellante, pero reducido a dous sucos curtos.

Posúen unha aleta dorsal, de forma e tamaño variables segundo a especie, situada sempre no terzo posterior.

O perfil do cranio é relativamente plano, coa mandíbula inferior arqueada cara fóra. As barbas son relativamente curtas pero moi numerosas (ata 500 en cada lado). Na cabeza obsérvase unha crista medial, desde a altura dos ollos ata o fociño; no rorcual tropical hai 3 cristas.

Dentro deste grupo cómpre destacar, pola súa singularidade, a balea xibarte, caracterizada polas enormes aletas pectorais.

Tódalas baleas desta familia, polo seu gran tamaño, foron obxecto prioritario da industria baleeira e a caza comercial a que foron sometidas levounas practicamente á súa extinción.

[editar] Eschrichtidae

Un único xénero cunha única especie.

  • Eschrichtius robustus (Lilljeburg 1861).
    • galego: balea gris.
    • castelán: ballena gris.
    • inglés: Grey whale.
    • francés: Baleine grise.

Trátase tamén dunha especie de características intermedias entre as familias anteriores. Ben coñecida polos seus hábitos migratorios que a levaban a reproducirse no inverno nas costas de California para desprazarse logo ás áreas de verán, no estreito de Bering, nunha longa viaxe de ata 20.000 km ó longo da costa norteamericana. A desgraciada consecuencia foi unha caza masiva que levou á extinción da poboación do Atlántico norte entre os séculos XVII e XVIII (a poboación coreana aínda se mantén, pero en cifras mínimas).

Carece de aleta dorsal e no seu lugar mostra unha corcova baixa, moi posterior, seguida de 6 a 12 vultos ou nós lineais ata a aleta caudal.

A cabeza está arqueada, entre os aventadores e o fociño, e mostra numerosas calosidades formadas por colonias de crustáceos que se fixan á pel. Baixo a boca posúe dous sucos curtos, paralelos ou en forma de V, ocasionalmente entre 3 e 7. As súas barbas son máis curtas, anchas e en menor número que no resto das baleas, característica relacionada cos seus hábitos alimenticios: come moi preto do fondo e inxire lama, area e pedras coa auga.

[editar] Véxase tamén

[editar] Bibliografía

  • Carwardine, M.: Ballenas, delfines y marsopas. Guía visual de todos los cetáceos del mundo, Omega, 1985.

[editar] Ligazóns externas

  • FAO-OMS (1993): Marine mammals of the world [1]
Ferramentas persoais